Sunday 05 de May de 2024

Alternativa apoia a IV Marcha pola Casa Cornide


Alternativa dos Veciños súmase ás entidades comarcais que chaman a mobilizarse para reclamar a propiedade pública da Casa Cornide e que sairá o próximo sábado, 11 de novembro, ás 12 horas, da Praza de María Pita. Será a cuarta marcha cívica pola devolución dese histórico inmoble usurpado pola ditadura.

O significado pazo urbano foi mercado por Bellas Artes nos anos 40, entregado por permuta ao Concello da Coruña. Nos anos 60 amáñase unha poxa ente o Concello encabezado polo lexionario Sergio Peñamaría e o banqueiro franquista Pedro Barrié, que conclúe no fraudulento traspaso a mans privadas dun ben público de enorme valor simbólico e histórico. Barrié tardou só horas en venderllo á esposa do ditador, Carmen Polo, por un prezo ridículo.

Numerosas entidades locais piden ao Concello da Coruña que presente denuncia para a recuperación desa propiedade; que esixa á Xunta facer cumprir a obriga de abrir a casa 4 días ao mes, polo menos 4 horas cada día e que se retiren as honras a Barrié, Peñamaría e Molina que a cidade aínda ten vixentes, incluídos os nomes de diversas rúas.